Novas

Carlos Pérez de Terras de María Castaña: «Un bo produto non ten por que vir avalado por un selo»

09 de xaneiro de 2020

Carlos Pérez de Terras de María Castaña: «Un bo produto non ten por que vir avalado por un selo»

Produtos frescos e ecolóxicos, directos da horta ao prato. Niso resúmese a filosofía de traballo de Carlos Pérez, propietario da empresa Terras de María Castaña, coa cal moitos monfortinos están máis que familiarizados. A proximidade e calidade do seu proxecto chamaron a atención do xurado do noso concurso de proxectos empresariais A Semente, outorgándolle, desta maneira, o primeiro premio na súa cuarta edición.

Parece que os produtos ecolóxicos están de moda ultimamente, pero moitos non saben realmente o que significa o termo. Como explicarías o concepto “ecolóxico”?

Os produtos ecolóxicos van máis alá dun selo ou certificado, de feito isto só é o último. Detrás diso hai valores como poden ser o respeto á natureza e á contorna, o respecto cara o noso rural, á terra; o respecto tamén ao consumidor final, a honestidade, o escoller o mellor producto, o máis fresco, o de máis proximidade…

Na actualidade, como ben dis, os productos ecolóxicos están de moda, e isto tamén o ven os grandes produtores de convencional os cales entran no mercado ecolóxico coas mesmas bases que no convencional (máis producto en menos tempo e menos custo, máis durabilidade dos productos, maior aguante ao transporte…). Ao final todo isto reduce a calidade.

Penso que un bo produto, san, sen químicos nin conservantes, fresco e de kilometro0 non ten por que vir avalado por un selo; nin que sexa peor que o que non o ten; nin que o bo sexa o producto ecolóxico que ven plastificado, recollido unha semana e media antes a miles de kilómetros da nosa casa e exposto no estante do supermercado donde podería estar calquera outro.

O bo producto témolo na nosa contorna, na época que nos atopemos, cultivado sen químicos nin abonos de síntese, pero sobre todo con moito agarimo por xente como nós. Que veña envolto nun plástico cun selo pegado, penso que é prescindible.

Fálase moito da perda de sabor de algúns alimentos por causa da produción masiva, sendo o tomate un claro exemplo. Cres que a volta a unha agricultura mais sostible devolverá o sabor ao que comemos?

Por suposto, a agricultura convencional baséase en sacar maior cantidade de produto en menor tempo e menos espazo, abaratando ao máximo os custos de produción. Con isto consíguese abastecer a poboación de alimentos, pero a calidade baixa.

O exemplo que mencionas do tomate é o ideal para nos explicar. Este precisa o tempo de maduración que a propia planta marca, por suposto tamén o emprego de abonos orgánicos, a calidade da auga, os coidados preventivos de pragas e enfermidades, as podas, a elección das variedades máis saborosas (que normalmente non son as que admiten moito transporte, nin conservación). Por iso nós vendemos o noso tomate o mesmo día que o recollemos, practicamente no punto exacto de consumo ou como moito dous ou tres días antes.

Seguindo o exemplo do tomate, aplicámolo a todo o que nos cultivamos, dende 6 clases de pemento, berenxena, calabacíns, varios tipos de cabazas, varios tipos de xudia, repolos, brócoli, verdura de folla, leitugas e un longo etcétera…

En Monforte de Lemos atopamos moita preocupación polo aproveitamento sostible das súas terras. Como ves o futuro do teu sector no municipio?

Nós estamos a buscar mais terras nas que cultivar dentro do nosa comarca, animo a tódolos que estean interesados en ceder as súas terras a poñerse en contacto con nós e asi darlle un uso a esas tantas terras abandonadas.

Ó igual que precisamos máis terras nas que cultivar tamén precisaremos mais man de obra, o cal é interesante para o emprego local.  Penso que esta comarca ten unha moi boa oportunidade co sector primario.

Calquera que pense en darlle un uso a súa terra ou estea disposto a ceder durante un periodo convídoos a poñerse en contacto connosco no teléfono 662348738 ou no correo terrasdemariacastanha@gmail.com.

Botando unha ollada na páxina de Facebook da túa empresa Terras de María Castaña enseguida nótase que tes clientes fieis. É importante o uso das redes no teu negocio?

Si, moi importante. É unha ferramenta moi útil que ten a nosa empresa, non só para anunciar os seus productos, senón tamén pra mostrar o xeito no que traballamos.

Es gañador do cuarto certame do noso concurso “A Semente”. Como valoras a túa experiencia nel?

Foi unha experiencia incrible, o recoñecemento do xurado á miña idea de proxecto foi o maior premio que xamais puiden imaxinar. Por suposto que xa é un proxecto arrancado, aínda que espero chegue moito máis alá, con recoñecementos como este dan un grande empuxón de enerxía.

Xa por último, gustaríanos que aproveitases esta entrevista para darlles pistas ao novos concursantes sobre as claves de presentar un bo proxecto ó noso concurso. Atréveste a darlles algún consello?

Ser un mismo, ser transparente, e por suposto estar seguro de que a túa idea sexa viable, por moi sinxela ou complexa que sea. Con que sea viable no quero decir que non o sea dende o principio, se non que ó mellor non é preciso unha grandísima inversión pra facela viable, senón que empezando un pouco máis abaixo pode arrancar unha idea, e empezando dende máis arriba pode ser insostible se tes unhas amortizacions grandísimas que non te deixan arrancar. Está claro que non son un experto en finanzas, só é o exemplo do noso caso, que comezamos cuns recursos mínimos, sen subvencións e axudas. Só con esforzo e traballo constante se fan reais as bases dunha idea.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com