Novas

Chorima, LamasDulce e Bikarte gañan o IX Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

29 de outubro de 2023

Chorima, LamasDulce e Bikarte gañan o IX Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta IX edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan aos gañadores, e a todos os proxectos participantes, pola altísima calidade das iniciativas presentadas e o talento e a ilusión como emprendedores.

O xurado da IX Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tras avaliar a presentación dos proxectos durante este sábado, decidiu outorgar os seguintes premios:

  • 1º Premio de 10.000€ para Chorima Cosmética Atlántica (A Estrada). Un proxecto para obter extractos vexetais para uso no sector da cosmética, mediante a Extracción Asistida por Ultrasonido (EAU). Unha técnica innovadora para a valorización de residuos da industria agroalimentaria (bagazo, podas, productos frescos rexeitados…). Inclúe a produción dunha liña cosmética baseada nestes extractos en combinación cas últimas tendencias en cosmética. Co apoio da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC ultiman a solicitude de IEBT (Iniciativa de emprendemento de base tecnolóxica) para o proxecto.
  • 2º Premio de 6.000€ para LamasDulce (Monforte de Lemos). Un proxecto de galletas decoradas personalizadas, que nace como promesa á filla da promotora. Co obrador de Monforte de Lemos pretenden outorgarlle un toque personalizado e exquisito a calquera celebración, entregando as galletas en man ou a través de envío por mensaxería. Priorizan o packaging dos seus produtos e a sustentabilidade.
  • 3º Premio de 4.000€ para Bikarte (Monforte de Lemos). Empresa de alugueiro de bicicletas con servizo de visitas guiadas a través dunha App que permite coñecer roteiros diferentes con contido cultural, patrimonial, artístico e natural. Con Bikarte pretenden posicionarse no mercado de Turismo Activo a nivel nacional e internacional e ser un referente de empresa sostible e responsable co medio ambiente na Ribeira Sacra respondendo á necesidade de mobilidade alternativa ao transporte motorizado tradicional.

A entrega de premios e de diplomas a todos os proxectos finalistas fíxose despois da cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, na que participaron o que fora Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que desde o comezo apoiou este concurso empresarial; a Directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, Vicepresidencia da Deputación, alcaldes dos concellos que colaboran coa iniciativa e representantes das empresas e universidades que tamén a avalan.

Convidouse asemade, aos 10 proxectos finalistas no concurso e aos gañadores da pasada edición, Lácteos Ribeira Sacra. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.

Desde o seu inicio o concurso ten contribuído a impulsar máis dunha vintena de proxectos innovadores que dinamizan o medio rural e que, a partir do concurso, se converteron en realidade.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com