Novas

 Finalistas da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

22 de xullo de 2024

Finalistas da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

A esta X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presentáronse 85 ideas; a maioría das ideas corresponden a xente de Galicia e do territorio Ribeira Sacra, chegando tamén propostas de León, Sevilla, Madrid, Barcelona, Las Palmas e do norte de Portugal.

Este 19 de xullo o xurado reuníase para seleccionar as 10 ideas que agora deberán presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro. As ideas seleccionadas polo xurado do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra son:

  • ALGASLIME: microalgas vivas solidificadas que optimizan a rega e a fertilización, beneficiando tanto aos agricultores como ao medio ambiente. AlgaSlime é un produto innovador deseñado para mellorar a eficiencia do uso da auga e os nutrientes nos cultivos. Grazas ás microalgas, retense auga no chan e libéranse nutrientes lentamente, mellorando a estrutura e a saúde do chan.
  • ENZICAS, ACELERADORA DE QUEIXOS E EMBUTIDOS CON CASTAÑAS: ENZICAS BIO SL, empresa cualificada como Startup por ENISA e fundada en 2022, expón o desenvolvemento dun ingrediente alimentario de orixe natural para empregar na maduración de queixos e embutidos. O ingrediente está baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a base de castañas.
  • FICAR AQUÍ, PORTAL DE EMPREGO: Creación dun sitio web que recolla a oferta de emprego, que atenda as necesidades do tecido empresarial das empresas do rural galego, e poña en valor os seus recursos, chamando a atención sobre as necesidades existentes e favorecer o emprendemento. O obxectivo é conectar aos diferentes protagonistas no panorama da xeración de emprego e oportunidades de empregabilidade (Administracións, empresas e profesionais) e concentrar toda a información sobre oferta e demanda nun único portal web.
  • FUNGUSVID: Proponse a introdución de micorrizas arbusculares na plantación de vides. As micorrizas son fungos que establecen unha relación simbiótica coas raíces das plantas, mellorando a absorción de nutrientes e a saúde do solo sen necesidade de fertilizantes químicos. Melloran tamén a resistencia das plantas ao estrés abiótico, como a seca e as enfermidades.
  • GEMMA & NAZA CHEESECAKES: Produción artesanal de tortas de queixo desde o compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilízanse produtos locais e galegos de alta calidade para elaborar as tortas, garantindo frescura e autenticidade en cada bocado. Resalta os sabores tradicionais de Galicia e apoia aos agricultores e provedores da rexión.
  • PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética galega con extracto de castiñeiro. Innovación e creación de novas liñas de produtos, programas de formación e experiencias turísticas na Ribeira Sacra.  
  • RESPIRO SOSTIBLE: Produción de produtos de papel ecolóxicos utilizando residuos de céspede e herba como materia prima principal. Fabricación de papel hixiénico, recambios de borradores de lousa e papel de cociña, todo iso mediante un modelo de economía circular que reduce os impactos ambientais adversos asociados á produción de papel convencional.
  • TECNOALGAE, REVALORIZACIÓN AUGAS RESIDUAIS CON MICROALGAS: Revalorizacion e aproveitamento das augas residuais mediante o cultivo industrial de microalgas. Coa implementación de raceways (depósitos para cultivo de microalgas) optimizados, aprovéitanse as augas residuais de granxas e cooperativas e transfórmase nun eficiente bioestimulante agrícola.
  • VANETTA FOOD: Startup do sector Foodtech que nace en 2023 co obxectivo de contribuír a crear unha alimentación sostible, vexetal e cunha elevada achega protéico. Primeira fábrica de carne plant based en Galicia para ofrecer produtos que non existen no mercado, cunha orientación á canle B2B2C. Alternativa esperada na restauración actual, pratos iguais que as súas outras alternativas cárnicas.
  • VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta. Datos en tempo real sobre os niveis de nutrientes, temperatura, humidade, pH e outras variables esenciais, sendo a máis innovadora de elas o análese da savia das vides, permitindo así a detección prematura de enfermidades e control exhaustivo en tempo real dos nutrientes.

A presidenta da Asociación Semente Monforte, Pilar López, destaca a ampla participación nesta décima edición e a calidade das ideas presentadas, “Estamos moi satisfeitos coa calidade e cantidade de ideas presentadas nesta edición de décimo aniversario. A selección das 10 ideas finalistas non foi doada. Os 10 finalistas terán que desenvolver agora o seu proxecto para presentalo o 26 de outubro no Parador de Turismo de Monforte diante do xurado. Agradecer a todas as persoas implicadas no concurso, participantes, empresas colaboradoras, institucións e organismos públicos, que fan posible que cada ano axudemos a impulsar proxectos. Nesta ocasión repartimos 20.000€, 10.000€ para o primeiro clasificado, 6.0000€ para o segundo e 4.000€ para o terceiro”.                                    

As ideas seleccionadas presentarán antes do 30 de setembro do 2024, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará ós finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto. O fallo do xurado darase a coñecer o día 26 de outubro, nesa xornada presentaranse no Parador de Turismo de Monforte, os proxectos e pola noite celebrarase a Gala de Entrega de Premios.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com