15 de maio de 2024
Cada ano por estas datas preséntase nos Institutos e Universidades o Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Nestes encontros, os promotores do concurso informan ao alumnado sobre as posibilidades que teñen de facerse cunha axuda e asesoramento para impulsar as súas iniciativas empresariais.
Nesta ocasión xa teñen realizado as presentación nos IES de Monforte, Río Cabe, Daviña Rey e Pinguela. Tamén realizaron o encontro co alumnado da Universidade da Coruña e este xoves, 16 de maio, trasladaranse á Universidade de Santiago de Compostela.
A aceptación está sendo boa e parte importante dos participantes neste concurso chegan a raíz destas charlas informativas. O alumnado que ten ideas para sacar adiante empresas que impulsen o rural desde calquera ámbito ve deste modo incentivado o seu carácter emprendedor, recibindo importantes axudas económicas para dar os primeiros pasos ou para impulsar melloras en proxectos xa en funcionamento.
Nesta décima edición do concurso os premios son:
1º Premio- 10.000€
2º Premio- 6.000€
3º Premio- 4.000€
As ideas poden presentarse ata o 31 de maio, incribíndose na web https://www.sementeribeirasacra.org
O concurso está aberto a calquera persoa maior de idade cunha idea empresarial que contribúa a dinamizar o medio rural.