12 de novembro de 2022
Desde a Asociación Semente Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta VIII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan aos gañadores, e a todos os participantes en xeral, pola altísima calidade dos proxectos presentados e o talento como emprendedores.
O xurado da VIII Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tras avaliar a presentación dos proxectos durante o día de hoxe, decidiu outorgar os seguintes premios:
1º Premio: Lácteos Ribeira Sacra // Comercializadora de produtos propios–10.000 €
2º Premio: A Maruxiña // Granxa de galiñas en ecolóxico e centro de interpretación.– 5.000€
3º Premio: Beniu Soluciones // Tratamentos fitosanitarios con drons.– 3.000€
A entrega de premios e de diplomas a todos os finalistas fíxose despois da cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, na que participaron o Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, alcaldes do concellos que colaboran coa iniciativa e representantes das empresas que tamén a avalan. Tamén se contou coa asistencia dos finalistas no concurso e dos gañadores de edicións anteriores, presentando o acto a presidenta de Semente Monforte, Pilar López.
Desde o seu inicio o concurso ten contribuído a impulsar máis dunha vintena de proxectos que se convertiron en realidade. A Asociación Semente de Monforte, que promove este concurso, nacía no 2014 despois de caer a Lotería de Reis na cidade.