Novas

Proxectos gañadores do VI Concurso de Proxectos Empresarias Semente Ribeira Sacra

29 de setembro de 2020

Proxectos gañadores do VI Concurso de Proxectos Empresarias Semente Ribeira Sacra

Esta fin de semana celebrábase a presentación de proxectos do VI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Os 10 finalistas presentaron os seus proxectos por videoconferencia ao xurado reunido no Parador de Turismo de Monforte. Nesta edición os premios ao empredemento que promove a Asociación Semente Monforte sumaban 20.000 euros, a maior cantidade desde o inicio do concurso.

O primeiro premio de 10.000 euros foi para RECOVERY BLOOD, un proxecto que se desenvolve en Lugo coa creación dunha planta piloto para transformar sangue en fariña, unha iniciativa para revalorizar o sangue e outros subprodutos da industria cárnica. “O proxecto está en marcha no matadoiro Lugocarne e este apoio vennos excepcionalmente ben. O ano pasado presentámonos, pero non nos escolleron, este ano si e estamos moi contentos porque tamén temos gañado outros concursos, pero o de maior contía económica e dos máis importantes e este. É importante que se fagan iniciativas como esta para o desenvolvemento da sociedade, querendo fomentar o tecido industrial e local,” comenta Hiram Varela de Recovery Blood.

O segundo premio dotado con 7.000 euros foi para TRASDEZA NATUR, un proxecto de transformación dunha explotación agrícola en ecolóxico que incorpora un taller artesán para deshidratar alimentos como amorodo ou tomate. Todo o proceso faise con enerxías renovables cun deshidratador solar, prototipo da USC. “Temos un circuito de economía circular, facemos o produto, recollémolo e transformámolo, empaquetamos e vendemos. Todo o circuito é noso. Presentámonos ao Concurso porque o ano pasado asistimos como relatores a unha xornada en Monforte e alguén do público falounos de que podiamos ser un perfil de negocio que lles interesara. Preocupámonos do coidado do chan, de mellorar a calidade dos procesos produtivos, temos o selo de calidade turística en destino porque somos unha empresa na categoría de turismo industrial para divulgar o que facemos,” sinala María José Tallón de Trasdeza Natur.

 

María José Tallón destacaba a importancia deste concurso de proxectos empresariais en todos os seus aspectos, “Paréceme incrible en todos os aspectos, que un grupo de xente botase a andar dun modo solidario a facer isto. Para empresas e proxectos novos é fundamental poder contar con ese apoio. Hai outros concursos e iniciativas, pero ese afán solidario do concurso de Semente faino incrible. Ogallá houbera máis xente con estas iniciativas porque precisas moito apoio cando comezas, é un proceso duro e moi longo. Cando emprendes comezas de 0, se aí te axudan é moi de agradecer.”

 

O terceiro premio dotado con 3.000 euros foi para TIMBER SOUL INNOVATIONS, un traballo que nace dun proxecto de investigación da USC, desenvolto por Pemade, Plataforma de Exeñaría da Madeira Estrutural, para desenvolver unha gran tipoloxía de viga estrutural, unha viga alixeirada 100% fabricada de restos de podas da industria forestal. “A madeira estase recuparando na construción por iso desenvolvemos estas ferramentas para facilitar a posta en obra destes sistemas. Coñecemos o concurso a través de compañeiros que participaran o ano pasado. Estamos encantados porque con iniciativas así coñecen e recoñecen o traballo que estás a facer e dáche pé para dicir que estamos no bo camiño. A maiores o apoio económico sempre é fundamental nestas primeiras etapas que estás a iniciar a actividade. Despois coñecer a asociación Semente e toda a historia que hai detrás é bastante motivante. Encantados de formar parte de todo isto,” afirma Andreína Vargas de Timbre Soul Innovations.

 

 

Desde a Asociación Semente Monforte e todos as empresas e institucións colaboradoras nesta VI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan aos gañadores, e a todos os participantes en xeral, pola altísima calidade dos proxectos presentados e o talento como emprendedores.

 

A Asociación traballa agora na inminente posta en marcha doutro concurso de proxectos vinculados a mitigar os efectos do coronavirus na nosa sociedade.

 



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com