Histórico

X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

30 de decembro de 2024

X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

A esta X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presentáronse 85 ideas; a maioría das ideas corresponden a xente de Galicia e do territorio Ribeira Sacra, chegando tamén propostas de León, Sevilla, Madrid, Barcelona, Las Palmas e do norte de Portugal.

O 19 de xullo o xurado reuníase para seleccionar as 10 ideas que debían presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro. As ideas seleccionadas polo xurado do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra son:

  • ALGASLIME: microalgas vivas solidificadas que optimizan a rega e a fertilización, beneficiando tanto aos agricultores como ao medio ambiente. AlgaSlime é un produto innovador deseñado para mellorar a eficiencia do uso da auga e os nutrientes nos cultivos. Grazas ás microalgas, retense auga no chan e libéranse nutrientes lentamente, mellorando a estrutura e a saúde do chan.
  • ENZICAS, ACELERADORA DE QUEIXOS E EMBUTIDOS CON CASTAÑAS: ENZICAS BIO SL, empresa cualificada como Startup por ENISA e fundada en 2022, expón o desenvolvemento dun ingrediente alimentario de orixe natural para empregar na maduración de queixos e embutidos. O ingrediente está baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a base de castañas.
  • FICAR AQUÍ, PORTAL DE EMPREGO: Creación dun sitio web que recolla a oferta de emprego, que atenda as necesidades do tecido empresarial das empresas do rural galego, e poña en valor os seus recursos, chamando a atención sobre as necesidades existentes e favorecer o emprendemento. O obxectivo é conectar aos diferentes protagonistas no panorama da xeración de emprego e oportunidades de empregabilidade (Administracións, empresas e profesionais) e concentrar toda a información sobre oferta e demanda nun único portal web.
  • FUNGUSVID: Proponse a introdución de micorrizas arbusculares na plantación de vides. As micorrizas son fungos que establecen unha relación simbiótica coas raíces das plantas, mellorando a absorción de nutrientes e a saúde do solo sen necesidade de fertilizantes químicos. Melloran tamén a resistencia das plantas ao estrés abiótico, como a seca e as enfermidades.
  • GEMMA & NAZA CHEESECAKES: Produción artesanal de tortas de queixo desde o compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilízanse produtos locais e galegos de alta calidade para elaborar as tortas, garantindo frescura e autenticidade en cada bocado. Resalta os sabores tradicionais de Galicia e apoia aos agricultores e provedores da rexión.
  • PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética galega con extracto de castiñeiro. Innovación e creación de novas liñas de produtos, programas de formación e experiencias turísticas na Ribeira Sacra.  
  • RESPIRO SOSTIBLE: Produción de produtos de papel ecolóxicos utilizando residuos de céspede e herba como materia prima principal. Fabricación de papel hixiénico, recambios de borradores de lousa e papel de cociña, todo iso mediante un modelo de economía circular que reduce os impactos ambientais adversos asociados á produción de papel convencional.
  • TECNOALGAE, REVALORIZACIÓN AUGAS RESIDUAIS CON MICROALGAS: Revalorizacion e aproveitamento das augas residuais mediante o cultivo industrial de microalgas. Coa implementación de raceways (depósitos para cultivo de microalgas) optimizados, aprovéitanse as augas residuais de granxas e cooperativas e transfórmase nun eficiente bioestimulante agrícola.
  • VANETTA FOOD: Startup do sector Foodtech que nace en 2023 co obxectivo de contribuír a crear unha alimentación sostible, vexetal e cunha elevada achega protéico. Primeira fábrica de carne plant based en Galicia para ofrecer produtos que non existen no mercado, cunha orientación á canle B2B2C. Alternativa esperada na restauración actual, pratos iguais que as súas outras alternativas cárnicas.
  • VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta. Datos en tempo real sobre os niveis de nutrientes, temperatura, humidade, pH e outras variables esenciais, sendo a máis innovadora de elas o análese da savia das vides, permitindo así a detección prematura de enfermidades e control exhaustivo en tempo real dos nutrientes.

O xurado da X Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tras avaliar a presentación dos proxectos na xornada do 27 de outubro, decidiu conceder os seguintes premios:

  • 1º Premio de 10.000€ para GEMMA & NAZA CHEESECAKES. Produción artesanal de tortas de queixo desde o compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilízanse produtos locais e galegos de alta calidade para elaborar as tortas, garantindo frescura e autenticidade en cada bocado. Resáltanse os sabores tradicionais de Galicia e apoianse os agricultores e provedores da rexión.
  • 2º Premio de 6.000€ para FICAR AQUÍ, Portal de emprego. Creación dun sitio web que recolla a oferta de emprego, que atenda as necesidades do tecido empresarial das empresas do rural galego, e poña en valor os seus recursos, chamando a atención sobre as necesidades existentes e favorecer o emprendemento. O obxectivo é conectar os diferentes protagonistas no panorama da xeración de emprego e oportunidades de empregabilidade (Administracións, empresas e profesionais) e concentrar toda a información sobre oferta e demanda nun único portal web.
  • 3º Premio de 4.000€ para ENZICAS, Aceleradora de Queixos e Embutidos con Castañas, Enzicas BIO SL. Empresa cualificada como Startup por ENISA e fundada en 2022, expón o desenvolvemento dun ingrediente alimentario de orixe natural para empregar na maduración de queixos e embutidos. O ingrediente está baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a base de castañas

Desde o seu inicio o concurso ten entregado 189.000€ que contribuíron a impulsar 29 proxectos innovadores que dinamizan o medio rural. “Os datos son importantes, pero o mellor é satisfacción de que a maioría dos proxectos que quedaron entre os tres primeiros convertéronse en realidade e moitos deles son iniciativas empresariais de éxito. A ilusión coa que comezamos segue sendo a mesma, ou quizais máis. Grazas ao traballo, á dedicación e implicación que vemos nos participantes de cada ano, aumentando en cada edición e grazas a que esas persoas, empresas e organismos que nos apoian, confían no mesmo ca nós: Podemos desde a base axudar a dinamizar o noso rural”, asegura Pilar López, presidenta de Semente de Monforte.  

Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós gañadores, e a todos os proxectos participantes pola altísima calidade das iniciativas presentadas e o talento e a ilusión como emprendedores.

A entrega de premios e de diplomas a todos os proxectos finalistas fíxose despois da cea de confraternidade celebrada no Parador de Monforte, na que participaron a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, a directora xeral AGADER, Mª Paz Rodríguez, o director xeral da AGACAL, Martín Alemparte, as directoras territoriais da Consellería de Emprego en Ourense e Lugo, Marta Vázquez e Carmen José López, deputados autonómicos e representantes das deputacións de Lugo e Ourense, das universidades e dos concellos e empresas que colaboradoran co Concurso. Contouse asemade coa asistencia dos 10 proxectos finalistas no concurso e dos gañadores da pasadas edicións. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.

Patrocinios

A X edición do Concurso de Proxectos Semente Ribeira Sacra contou co patrocinio das seguintes institucións: Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense, Vicepresidencia Deputación de Lugo (Medio Rural), Concello de Sober, Concello A Pobra do Brollón, Concello de Pantón, Concello do Saviñao, Concello de Bóveda.

As empresas patrocinadoras foron: Barbosa e Hijos, Hijos de Rivera S.A., Gadisa, Inveravante, Dimaga, CT. Galega, Lugar Daveiga SLL, Sicyme, Palacio Bus, Dalia Sistemas e Notaría de Sarria.

Contando coa colaboración de: Universidade de Santiago, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Escuela de Organización Industrial, GDR Ribeira Sacra Courel e o Parador de Turismo de Monforte.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com