04 de marzo de 2026
XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra
Nesta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra inscribíronse 72 persoas. Unha vez comprobadas as inscricións de persoas e as ideas presentadas, 51 das propostas cumpriron todos os requisitos para ser avaliadas polo xurado que o día 22 de xullo daba a coñecer o nome das 10 ideas que pasan á fase final.
O 22 de xullo o xurado reuníase para seleccionar as 10 ideas que debían presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro. As ideas seleccionadas polo xurado do XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra son:
- GALEGHEEÑO, o GHEE da Ribeira Sacra: O Ghee é un superalimento ancestral con amplas propiedades organolépticas e nutricionais. Só ten 1 ingrediente, o leite de vacas alimentadas 100% a pasto.
- RESPIRO SOSTIBLE: Transformación de residuos vexetais en papel sostible para reducir a deforestación e xerar emprego no rural.
- ALAMBIQUEIROS DA SACRA TERRA: Destilería profesional na Ribeira Sacra para transformar o bagazo das adegas locais nun aguardente artesanal e certificada.
- ENSÁCRATE: Deseño, promoción e organización de viaxes de autor e experiencias a medida para visitantes que buscan unha maneira auténtica e respectuosa de coñecer a Ribeira Sacra.
- COSMÉTICA SÓLIDA ECOLÓXICA, PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética con extracto de castiñeiro, agora incorporan auga termal galega nos produtos.
- O FOGAR DOS SOÑOS. Rehabilitación dunha edificación rural como Queixaría/Xeadería artesanal e familiar de leite de cabra. Mostrar o proceso de elaboración dos produtos e ofrecer degustacións, visitas e talleres experienciais.
- CASA MUSEO GENIA TRIGO: Proxecto artístico, etnográfico e de dinamización rural. Amplíase o espazo cunha cantina cultural, un espazo destinado a catas, talleres, reunións e experiencias sensoriais.
- VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta.
- FRANQUICIAS GOURMET GALLEGO: Abrir tendas de Gourmet Gallego por todo o territorio nacional. Co proxecto poñeranse máis de 400 referencias de produtos galegos de pequenos produtores, en toda xeografía española.
- LA ESCUELA DEL ORIGEN: Un espazo pioneiro en Galicia de acompañamento a colectivos vulnerables para que poidan reconectar coa súa historia, adquirir ferramentas de vida, recuperar o sentido e construír un novo camiño.
O xurado da XI Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, tras avaliar a presentación dos proxectos na xornada do 8 de novembro, decidiu conceder os seguintes premios:
- 1º Premio de 10.000€ para para O FOGAR DOS SOÑOS: Primeira Queixaría/Xeadería artesanal e familiar de leite de cabra en Amandi. Con 70 cabras reprodutoras que pastorean ao aire libre para que o seu leite sexa da mellor calidade. Nun traballo constante de recuperación do campo, utilizando o monte e os terreos abandonados, agora queren rehabilitar unha antiga edificación rural para a elaboración de queixos, tenda e xeadería. Mostrar o proceso de elaboración e ofrecer degustacións, visitas e talleres experienciais.
- 2º Premio de 6.000€ para ENSÁCRATE: Deseño, promoción e organización de viaxes de autor e experiencias a medida para visitantes que buscan unha maneira auténtica e respectuosa de coñecer a Ribeira Sacra, creación de experiencias inmersivas de alta calidade. Promoción do destino, a través das redes sociais, asistencia a feiras, colaboracións e eventos propios. Todo para posicionar a Ribeira Sacra como un destino de referencia no turismo experiencial e de autor, cunha oferta cohesionada, profesional e diferenciada, que reúna unha estética coidada, storytelling territorial e unha estratexia dixital potente.
- 3º Premio de 4.000€ para VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta. Datos en tempo real sobre os niveis de nutrientes, temperatura, humidade, pH e outras variables esenciais, sendo a máis innovadora, o análise da savia das vides, permitindo así a detección prematura de enfermidades e control exhaustivo en tempo real dos nutrientes.
Na entrega de premios e de diplomas a todos os proxectos finalistas participaron a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, deputados nacionais, autonómicos e provinciais, representantes das universidades e dos concellos e empresas que colaboran co Concurso. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.
Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós gañadores, e a todos os proxectos participantes pola altísima calidade das iniciativas presentadas e o talento e a ilusión como emprendedores.
Nesta edición introducíase como novidade un Bono de Asesoramento financiado por Agader e impartido por Eosa do que decidiron beneficiarse 9 dos proxectos finalistas. A formación comezaba o 4 de marzo de 2026 en modalidade mixta.
Con este bono de asesoramento o Concurso e Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra dá un paso máis para fortalecer a viabilidade e sustentabilidade dos proxectos finalistas a través dun acompañamento especializado en distintas áreas:
- Mentoría personalizada: Para guiar aos emprendedores nos seus desafíos estratéxicos e operativos.
- Asesoramento en modelos de negocio sostibles: Para estruturar proxectos con bases sólidas e escalables.
- Xestión financeira e acceso a financiamento: Para mellorar a administración de recursos e explorar oportunidades de investimento.
- Taller grupal de networking e creatividade: Para fomentar a colaboración e xerar sinerxias entre os emprendedores.
Patrocinios
A XI edición do Concurso de Proxectos Semente Ribeira Sacra contou co patrocinio das seguintes institucións: Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, AGADER, Deputación Provincial de Ourense, Concello de Sober, Concello A Pobra do Brollón, Concello de Pantón, Concello do Saviñao, Concello de Bóveda.
As empresas patrocinadoras foron: Barbosa e Hijos, Hijos de Rivera S.A., Gadisa, Inveravante, Dimaga, Lugar Daveiga SLL, Sicyme, Palacio Bus, Dalia Sistemas e Notaría de Sarria.
Contando coa colaboración de: Universidade de Santiago, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Escuela de Organización Industrial, CT Galega, Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, Fundación Benancio Salcines e o Parador de Turismo de Monforte.