Novas

20.000€ en premios e unha ampla oferta formativa no XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

16 de marzo de 2026

20.000€ en premios e unha ampla oferta formativa no XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e proxectos innovadores para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos. Terán preferencia os vinculados co territorio Ribeira Sacra; pero o concurso sempre estivo aberto a calquera persoa física de calquera lugar do mundo que teña unha idea empresarial destas características.

Nesta XII edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra repartiranse 20.000€ en premios:

  • 1º Premio - 10.000 €
  • 2º Premio -   6.000 €
  • 3º Premio -   4.000 €
  • A persoa que inscribiu o proxecto gañador desta edición poderá acceder á realización do Executive MBA de Ef Business School na Coruña. Un programa 100% presencial, que se desenvolve entre outubro e xuño e que está orientado a profesionais que desexan impulsar a súa carreira no ámbito da xestión, a dirección e o liderado empresarial. En caso de que a persoa inscrita renuncie a este premio, pasará ao segundo clasificado e así sucesivamente ata chegar á persoa interesada en participar de entre os 10 finalistas. (Fundación Venancio Salcines)
  • Plan de Formación para os 10 proxectos que se presenten á final e manifestaran, antes do 10 de novembro de 2026, o seu interese en participar no plan formativo que se desenvolvería no primeiro semestre do 2027. (AGADER)

Do 16 de marzo ao 31 de maio está aberto o prazo de presentación de ideas, a través da web sementeribeirasacra.org. A inscrición é de balde. O 27 de xullo publicarase o nome das dez ideas que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso.

A estrutura da presentación da idea debe contar con:

  • Título do proxecto (20 palabras para resumir de que trata a iniciativa)
  • Descrición xeral (300 palabras para describir do modo máis eficaz en que consiste a iniciativa)
  • Oportunidade do proxecto (150 palabras para responder á pregunta “¿por que debería investir no proxecto?” Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo.
  • Puntos fortes do proxecto (150 palabras que conteñan a información DAFO)
  • Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto (150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal para a formulación e implantación do proxecto).

As ideas seleccionadas presentarán antes do 30 de setembro do 2026, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto. O fallo do xurado darase a coñecer o día 7 de novembro do 2026, nesa xornada presentaranse os proxectos no Parador de Turismo de Monforte de Lemos e pola noite celebrarase a entrega de premios.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no XII Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com