Novas

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presenta un programa de asesoramento especializado para os 10 proxectos finalistas

14 de maio de 2025

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra presenta un programa de asesoramento especializado para os 10 proxectos finalistas

O emprendemento rural é unha das principais pancas para a revitalización de territorios con alto potencial, esa é a base do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra e nesta XI edición amplíanse os premios para seguir incentivándoo. De modo que aos 20.000€ en premios que reparte o certame entre os 3 mellores proxectos, engádese agora un programa de asesoramento estratéxico.

O programa presentábase este mércores no Parador de Turismo de Monforte por parte da directora xeral de AGADER, Paz Rodríguez e a presidenta da Asociación Semente de Monforte, Pilar López.

A directora xeral da Axencia salientou a importancia deste tipo de propostas que teñen por obxectivo apoiar a posta en marcha de proxectos que contribúan positivamente ao desenvolvemento das zonas rurais, “Esta colaboración é unha aposta de futuro polo rural galego. A nosa misión é promover o desenvolvemento sostible, inclusivo e innovador dos nosos territorio rurais, por iso apoiar proxectos como este é un verdadeiro orgullo. Encantados de patrocinar unha proposta que conxuga innovación e compromiso co territorio rural.”

Paz Rodríguez destacou que “o emprendemento é unha semente que ben coidada pode transformar comunidades enteiras, por iso este bono de asesoramenteo é unha ferramenta necesaria. Grazas ao Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra polo traballo incansable ao longo destes anos”.

Pola súa banda Pilar López destacaba a importancia de contar coa colaboración de AGADER para o desenvolvemento deste plan de formación, “O programa de asesoramento conta cunha aportación de 15.000€ de AGADER. Para a asociación Semente é moi importante porque sabemos que o emprendemento rural é un dos piares básicos para a revitalización do rural e ao premio económico dos tres mellores proxectos, engadimos este programa para consolidar os modelos de negocio e aumentar as posibilidades de éxito a longo prazo.”

A organización do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra entende que  este programa axuda a complementar os desafíos particulares aos que se enfronta o emprendemento no rural: acceso limitado a financiamento, menor dinamismo nos ecosistemas de negocio, falta  de redes de colaboración e a necesidade de modelos sostibles que combinen rendibilidade con impacto social e ambiental.

Como parte do recoñecemento ás iniciativas máis prometedoras, o concurso incorpora para as 10 ideas finalistas, que se coñecerán o 23 de xullo, a posibilidade de asesoramento especializado, un acompañamento experto nas áreas clave para o seu desenvolvemento:

  • Mentorización personalizada para a definición de estratexias e resolución de desafíos específicos.
  • Asesoramento en modelos de negocio sostibles para garantir a viabilidade e escalabilidade dos proxectos.
  • Xestión financeira e acceso a financiamento, facilitando ferramentas para unha xestión eficiente de recursos e o acceso a oportunidades económicas.
  • Un taller grupal, enfocado no networking e a co-creación de solucións colaborativas entre os proxectos participantes.

O proxecto non só busca fortalecer as capacidades individuais dos emprendedores, senón tamén tecer unha rede de colaboración entre proxectos, potenciando o desenvolvemento do tecido empresarial. A través de metodoloxías innovadoras e un enfoque práctico, garantirase que cada proxecto emprendedor reciba un asesoramento de alto valor, adaptado ás particularidades do territorio e o seu sector de actividade.

As accións formativas financiadas polo AGADER desenvolveranse durante 3 meses no primeiro semestre do ano 2026. Este prazo permitirá que os emprendedores poidan aplicar os coñecementos adquiridos e recibir seguimento nos seus avances.

Cando o 23 de xullo se coñezan as ideas finalistas, estas recibirán toda a documentación do plan de formación para que decidan antes do 31 de xullo se están interesadas en participar destas accións formativas.

XI Concurso de Proxectos Empresariais

Ata o 31 de maio está aberto o prazo de presentación de ideas, a través da web sementeribeirasacra.org. A inscrición é de balde. O 23 de xullo publicarase o nome das dez ideas (máis 3 de reserva ás que se recorrerá en caso de que algunha se retire antes do 31 de agosto) que o xurado considere de maior interese conforme aos obxectivos do concurso.

A estrutura da presentación da idea debe contar con:

  • Título do proxecto (20 palabras para resumir de que trata a iniciativa)
  • Descrición xeral (300 palabras para describir do modo máis eficaz en que consiste a iniciativa)
  • Investimento a realizar (máx. 20 palabras)
  • Postos de traballo a crear. (máx. 50 palabras)
  • Oportunidade do proxecto (150 palabras para responder á pregunta “¿por que debería investir no proxecto?” Neste apartado é necesario ter clara cal é a necesidade que cobre o produto ou servizo.
  • Puntos fortes do proxecto (150 palabras que conteñan a información DAFO)
  • Descrición temporal da formulación e implantación do proxecto (150 palabras para explicar as fases, prazos e outros compoñentes de tipo temporal para a formulación e implantación do proxecto).
  • Outros premios acadados. (máx. 50 palabras)
  • Destino do premio, en caso de ser seleccionado.(máx. 50 palabras)
  • Integrantes e antigüidade da empresa. (máx. 50 palabras)
  • Financiamento obtido para o proxecto.(máx. 50 palabras).

As ideas seleccionadas presentarán entre o 1 de agosto e o 30 de setembro do 2025, o proxecto rematado, achegando arquivos PDF mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

Unha vez presentada a documentación, o xurado convocará aos finalistas para a exposición e defensa do seu proxecto, na xornada de mañá do día 8 de novembro, no Parador de Turismo de Monforte. Pola noite, tamén no Parador, celebrarase a entrega de premios e a cea de clausura desta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais.

1º Premio - 10.000 €
2º Premio -   6.000 €
3º Premio -   4.000 €
Plan de Formación
para os 10 proxectos que se presenten á final e manifestaran, entre o 23 e o 31 de xullo de 2025, o seu interese en participar no plan formativo que se desenvolvería no primeiro semestre do 2026.

 



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com