Novas

O Fogar dos Soños, Ensácrate e Viñalert gañan o XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

10 de novembro de 2025

O Fogar dos Soños, Ensácrate e Viñalert gañan o XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

En 11 anos o Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra leva entregados 32 premios valorados nun total de 194.000€, grazas á colaboración ao longo deste tempo de numerosas empresas e institucións.

Este sábado, 8 de novembro, pola mañá os 10 proxectos finalistas presentaron a súa proposta ante o xurado e pola noite despois da cea, celebrouse a gala de entrega de premios. Desde a Asociación Semente de Monforte e todas as empresas e institucións colaboradoras nesta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra felicitan ós proxectos gañadores, e a todas as iniciativas participantes pola altísima calidade das propostas e o talento e a ilusión como emprendedores/as.

Por primeira vez nesta edición, os 10 proxectos finalistas poden acceder a un plan de asesoramento técnico que se desenvolverá no primeiro semestre do vindeiro ano e que conta coa financiación do AGADER. O Concurso ofrece así unha formación empresarial que se suma aos premios económicos para os tres proxectos mellor valorados.

O xurado desta XI Edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra decidiu conceder os seguintes premios:

  • 1º Premio de 10.000€ para O FOGAR DOS SOÑOS: Primeira Queixaría/Xeadería artesanal e familiar de leite de cabra en Amandi. Con 70 cabras reprodutoras que pastorean ao aire libre para que o seu leite sexa da mellor calidade. Nun traballo constante de recuperación do campo, utilizando o monte e os terreos abandonados, agora queren rehabilitar unha antiga edificación rural para a elaboración de queixos, tenda e xeadería. Mostrar o proceso de elaboración e ofrecer degustacións, visitas e talleres experienciais.
  • 2º Premio de 6.000€ para ENSÁCRATE: Deseño, promoción e organización de viaxes de autor e experiencias a medida para visitantes que buscan unha maneira auténtica e respectuosa de coñecer a Ribeira Sacra, creación de experiencias inmersivas de alta calidade. Promoción do destino, a través das redes sociais, asistencia a feiras, colaboracións e eventos propios. Todo para posicionar a Ribeira Sacra como un destino de referencia no turismo experiencial e de autor, cunha oferta cohesionada, profesional e diferenciada, que reúna unha estética coidada, storytelling territorial e unha estratexia dixital potente.
  • 3º Premio de 4.000€ para VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta. Datos en tempo real sobre os niveis de nutrientes, temperatura, humidade, pH e outras variables esenciais, sendo a máis innovadora, o análise da savia das vides, permitindo así a detección prematura de enfermidades e control exhaustivo en tempo real dos nutrientes.

Na entrega de premios e de diplomas a todos os proxectos finalistas participaron a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, deputados nacionais, autonómicos e provinciais, representantes das universidades e dos concellos e empresas que colaboran co Concurso. Presentando o acto a presidenta de Semente de Monforte, Pilar López.



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com