Novas

Presentación de Proxectos e Gala de Entrega de Premios do XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra este 8 de novembro no Parador de Turismo de Monforte

06 de novembro de 2025

Presentación de Proxectos e Gala de Entrega de Premios do XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra este 8 de novembro no Parador de Turismo de Monforte

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra celebra 11 anos de traxectoria impulsando iniciativas de emprendemento.

O certame busca proxectos innovadores para desenvolver no medio rural e poñer en valor os seus recursos, tendo preferencia os vinculados co territorio Ribeira Sacra; pero o concurso sempre estivo aberto a calquera persoa física de calquera lugar do mundo que teña unha idea empresarial destas características.

Este 8 de novembro desde as 10:00h preséntanse ante o xurado, no Parador de Turismo de Monforte, os 10 proxectos que chegaron á final:

  • FRANQUICIAS GOURMET GALLEGO: Abrir tendas de Gourmet Gallego por todo o territorio nacional. Co proxecto poñeranse máis de 400 referencias de produtos galegos de pequenos produtores, en toda xeografía española.
  • GALEGHEEÑO, o GHEE da Ribeira Sacra: O Ghee é un superalimento ancestral con amplas propiedades organolépticas e nutricionais. Só ten 1 ingrediente, o leite de vacas alimentadas 100% a pasto.
  • CASA MUSEO GENIA TRIGO: Proxecto artístico, etnográfico e de dinamización rural. Amplíase o espazo cunha cantina cultural, un espazo destinado a catas, talleres, reunións e experiencias sensoriais.
  • ENSÁCRATE: Deseño, promoción e organización de viaxes de autor e experiencias a medida para visitantes que buscan unha maneira auténtica e respectuosa de coñecer a Ribeira Sacra.
  • O FOGAR DOS SOÑOS. Rehabilitación dunha edificación rural como  Queixaría/Xeadería artesanal e familiar de leite de cabra. Mostrar o proceso de elaboración dos produtos e ofrecer degustacións, visitas e talleres experienciais.
  • ALAMBIQUEIROS DA SACRA TERRA: Destilería profesional na Ribeira Sacra para transformar o bagazo das adegas locais nun aguardente artesanal e certificada.
  • RESPIRO SOSTIBLE: Transformación de residuos vexetais en papel sostible para reducir a deforestación e xerar emprego no rural.
  • LA ESCUELA DEL ORIGEN: Un espazo pioneiro en Galicia de acompañamento a colectivos vulnerables para que poidan reconectar coa súa historia, adquirir ferramentas de vida, recuperar o sentido e construír un novo camiño.
  • PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética con extracto de castiñeiro, agora incorporan auga termal galega nos produtos.
  • VIÑALERT: Desenvolvemento e implementación dun sistema de monitorización continua das constantes vitais das vides, enfocado especialmente na análise dos nutrientes do solo e da planta.

O fallo do xurado darase a coñecer na mesma xornada do 8 de novembro, despois da cea e gala de entrega de premios desta XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Contarase coa asistencia da directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, deputados nacionais,  autonómicos e provinciais, representantes das universidades e dos concellos e empresas que colaboran co Concurso.

Nesta edición, ademais dos premios económicos, ofréceselles aos proxectos finalistas a participación nun programa de asesoramento estratéxico. Esta formación para os proxectos finalistas interesados conta co financiamento de AGADER. Así os premios desta edición son os seguintes:

  • 1º Premio - 10.000 €
  • 2º Premio -   6.000 €
  • 3º Premio -   4.000 €
  • Plan de Formación para os finalistas que manifestaron o seu interese en participar deste programa de asesoramento que se desenvolverá no primeiro semestre do 2026.

 



Participa!

Presenta a túa idea de emprendemento no XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra ata o 31 de maio!


- Patrocinan -
- Colaboran -


Asociación "Semente de Monforte"

   

Monforte de Lemos   -   Lugo   -   semente@sementeribeirasacra.org

Información legal   -   Política de Privacidade   -   Uso de Cookies

Prodesin.com